sábado, 29 de septiembre de 2012

Razón, liberdade e responsabilidade

Non teño moi claro que asimilárades ben o sentido dalgúns conceptos que intentaba transmitir o texto que traballastes semana pasada. Así que, como son unhas nocións moi importantes tanto para esta asignatura coma para a vida, ímolos repasar un pouco, por se acaso. 

En termos globais, o razoamento do devandito texto podería esquematizarse como segue:


A maioría das confusións producíronse no uso dos dous últimos termos, nos que moitos de vós tendedes a confundir acepcións que lles damos na vida cotiá co sentido que teñen na Ética, que é unha disciplina da Filosofía.

Para empezar, cal das numerosas acepcións que da a RAE ao termo LIBERTAD credes que se correspondo co uso que del se fai naquel texto?


Efectivamente, no uso ético-filosófico do termo, a liberdade é unha "facultade", unha CAPACIDADE HUMANA. Nesta acepción, todos os seres humanos, como membros da especie, somos libres, porque todos dispoñemos desta capacidade independentemente de que as circunstancias, outras persoas ou a nosa propia vontade, nos permitan ou non exercela. Tamén hai xente que en determinados momentos non pode ou non quere razoar, pero iso non implica que non estea dotado, como ser humano que é, da Razón como capacidade. Ou xente que non pode ou non quere falar, o cal non implica que non estea dotado, como ser humano que é, da capacidade da Linguaxe. Así pois,
Nun sentido ético, TODOS OS SERES HUMANOS SOMOS LIBRES, porque a razón nos proporciona a capacidade de elexir as nosas actuacións en aspectos decisivos da nosa existencia.

Outra cousa diferente é a capacidade que poidamos ter para poñer en práctica esa capacidade de decisión e onde poderíamos situar os límites da mesma (os demáis? outras persoas? a sociedade? a natureza? as circunstancias? as nosas limitacións físicas ou psicolóxicas? os nosos instintos?). Esa é sen dúbida unha cuestión moi interesante que non tardaremos en abordar na clase (xa podedes ir pensando se a algúns vos apetecería participar nun debate sobre o tema). Pero non era a acepción que se utilizaba no texto.

Imos agora co termo RESPONSABILIDADE. Esta vez, a definición máis completa dánola a Real Academa Galega. A pregunta é a mesma: cal é a acepción que máis se corresponde co uso que desta palabra se facía no texto da semana pasada?


Moitos de vós, que sodes todos responsables no sentido 1, quedástevos nesta acepción. Pero o texto referíase máis ben ao segundo sentido: unha persoa que "non actúa conforme as súas obrigas" e "irresponsable" no sentido 1, pero é "responsable" no sentido 2, posto que, ao ser resultado da súa elección, convírtese en "causante", "responsable" dos efectos que ese incumprimento teña sobre el/ela ou sobre os demáis. 
Dende o momento que somos libres, que podemos elexir, somos RESPONSABLES das consecuencias, boas ou malas, da alternativa de actuación que  escollamos.

Para rematar, un par de imaxes moi ilustrativas do blog "Nuevas Culturas y Lenguas Juveniles


martes, 25 de septiembre de 2012

Ética, para que?


Por que unha materia específica para aprender algo como a “Ética”? Algúns dirán que a ética é unha cuestión persoal, algo que “ten que vir da casa”. Que ao instituto só vimos a aprender contidos obxectivos, ou en todo caso desenvolver habilidades “intelectuais”, pero nunca persoais.

Por outra banda, TODOS OS PROFES, en TODAS AS MATERIAS, intentamos desenvolver unha “educación ético-cívica”.  Sempre que entramos na aula, mesmo dende o momento en que entramos no noso centro de ensino, cando corriximos ou preparamos as nosas clases, as lecturas, as actividades complementarias… SEMPRE estamos intentando  que os nosos alumnos e alumnas adquiran habilidades, actitudes e coñecementos que lles axuden a crecer como persoas e como cidadáns, a desenvolver ao máximo as súas capacidades, a exercer con responsabilidade as súas obrigas e dereitos…

Johannes Vermeer: La Lechera
Nunha sociedade ríxida, como ocorría noutras épocas, isto non era tan importante. Cada persoa nacía cun papel que determinaba completamente o que tiña que ser e facer, e que polo xeral non lles permitía tomar decisións importantes nin sobre si mesmos nin sobre o grupo ao que pertencían. Un fillo de campesiños ía ser campesiño toda a súa vida, non tiña que decidir se iso era ou non o que máis lle conviña, e o seu comportamento respondia en case tódolos aspectos ao que se esperaba del: traballar, atender á familia, pagar tributos, ser un bo cristiano.... Un puñado de gobernantes tomaban por si sós as decisións sobre os destinos dos demais, que non se vían entón na obriga de pensar se iso era ou non o mais correcto ou conveniente. Evidentemente, había una Ética, uns valores que os individuos debían aplicar na súa vida cotiá, pero a marxe de decisión sobre eles era moi limitado: viñan dados pola tradición ou polos poderosos, e apenas cabía a posibilidade de discutilos.

Nunha sociedade democrática e moderna iso, afortunadamente, xa non é así. Agora, alomenos en principio, somos LIBRES. Suponse que todos temos a posibilidade de construírnos unha vida que, en moitos aspectos, será o resultado das nosas propias decisións, e que todos podemos intervir na sociedade á que pertencemos. Iso é moi positivo, porque nos abre un sinfín de posibilidades e nos permite ser DONOS DA NOSA VIDA, pero tamén supón grandes esixencias: xa non podemos esperar que outros nos digan o que temos que ser ou facer, nin tampouco sentarnos a esperar  a que solucionen os nosos problemas. 
Temos que aprender, dunha banda, a COÑECERNOS A NÓS MESMOS para desenvolver as capacidades que nos permitan realizarnos na nosa vida persoal e social, e doutra, aprender  a REFLEXIONAR SOBRE A SOCIEDADE NA QUE VIVIMOS E OS SEUS PROBLEMAS, porque nalgún momento deberemos colaborar na súa construción. Temos que POSICIONARNOS e TOMAR DECISIÓNS. E non debemos tomarnos isto á lixeira, porque esas decisións determinan a nosa vida e os destinos da sociedade na que vivimos.
 Por iso unha materia coma esta é hoxe máis importante ca nunca. A ética debe axudarvos a tomar conciencia dos vosos valores e dos valores do noso entorno, reflexionar sobre eles, elexir os que cada un considere máis xustos, ser coherentes con eles na vosa actuación, e respetar á xente que ten códigos morais e crenzas diferentes.

A importancia de ética na vida das persoas sempre foi un tema de reflexión dos filosófos, dende a orixe mesma do pensamente. Nos vídeos que se ofrecen a continuación Fernando Savater explica como vían ese papel da ética nas nosas vidas dous dos filósofos máis relevantes da historia en dous momentos moi diferentes:
- Aristóteles, na Grecia clásica (século IV a. C): 

- Kant, na Ilustración (século XVIII d. C):  

Para rematar, un pequeno exemplo de como a reflexión ética pode influir en decisións concretas da nosa vida, que será o tema da semana que ven. Está tomado do blog de Xeografía e Historia do IES Antonio de la Torre.